«Valoro moito o mantra oficina=produtividade e casa=descanso»

A FONDO CON… ÓSCAR VÁZQUEZ ABELENDA

O protagonista do noso A FONDO CON….chámase Óscar Vázquez Abelenda, un deseñador carballés cunha longa bagaxe no eido do deseño e a creatividade gráfica. Tras máis de 12 anos traballando por conta allea para diferentes empresas do sector, e cun currículo repleto de (re) coñecidas creacións e campañas publicitarias, neste 2022 aterrou no Carballo Coworking decidido a dar o salto ao autoemprego e poñer en marcha o seu propio proxecto: o estudio Ouvea Creatividade Gráfica, unha marca con identidade persoal (son as súas iniciais) e profesional («Se queres que te escoiten, Ouvea»). Firme defensor dos espazos compartidos como xeradores de sinerxías, para o tempo de lecer decántase polos recunchos e os gustos sinxelos: ver series, desconectar tomando un café no centro do pobo, pasear polo bosque do Anllóns ou visitar algunha praia da contorna.

Fálanos de ti…..A que te dedicas?

Son deseñador gráfico e unha persoa de natureza inqueda. A nivel profesional, teño a especialidade en branding e imaxe global de marca, deseño web e packaging.

Son dos que lle gusta aprender e entender sobre calquera tema aínda que, de entrada, non semelle aproveitable no meu campo laboral. Canto mellor entenda a esencia das profesións que me rodean, máis doado será sacar unha idea creativa, aínda que naza dun campo que non se vincule de forma obxectiva co cliente final.

Cal é o proxecto no que andas a traballar? Como xurdiu a idea?

Tras anos de experiencia, desenrolando a miña profesión en diferentes empresas, chegou o momento de comezar un proxecto propio: Ouvea Creatividade Gráfica, o meu estudio de deseño cuxo nome xurde desa máxima que todo deseño debe cumprir: a creatividade ben orientada. A marca nace da unión das miñas iniciais (Óscar Vázquez Abelenda) formando unha verba moi asociada coa comunicación animal. O eslogan: Se queres que te escoiten, Ouvea. Xogo nel con esa polisemia improvisada de comunicación / mellor opción.

Por que te animaches a solicitar praza no noso coworking?

Cando comezas un proxecto en solitario, calquera axuda sempre é benvida e o Carballo Coworking contribúe a facilitar ese aforro de costes tan importante no inicio dun proxecto. Permíteme contar cun espazo de traballo propio e achégame a outros profesionais, facilitando a creación de oportunidades laborais.

 

O feito de que as instalacións do centro de traballo estean no pobo no que resido permíteme desprazarme a pé de xeito sostible e conciliar a miña vida persoal e profesional. O espazo conta co valor engadido de atoparse nun edificio tan destacable como é o Fórum Carballo, inmoble que foi concibido como unha fábrica de oportunidades en si mesmo.

Que é o que máis che gusta do teu traballo?

O proceso inicial e creativo. Esta é a etapa na que se goza, na que nace a idea e se buscan as ferramentas para darlle o senso correcto que permita rematar comunicando unha mensaxe que sexa funcional e estética.

E do Carballo Coworking? Que che aporta?

Apórtame varios aspectos positivos inherentes ao concepto coworking como son o contacto entre profesionais, a interacción social e a dispoñibilidade de espazos para formación e reunións; pero persoalmente destacaría o feito de que me permite separar o espazo de traballo do espazo de persoal. Teño unha oficina, un lugar onde a miña mentalidade se centra en ser produtivo e evitar axentes externos. Iso é fundamental á hora de sacar adiante os traballos e cumprir cos prazos de entrega. Valoro moito o mantra oficina=produtividade/casa=descanso.

Es dos que viven para traballar ou traballas para vivir?

A día de hoxe non sabería diferencialo coa certeza necesaria, hahaha. Calquera autónom@, por moito que tente cumprir un horario de traballo, sempre precisa roubarlle unha hora á súa vida persoal nalgún intre. Na miña profesión, na que a creatividade xoga un papel tan importante, este feito acentúase. É preciso valorar todo o que vives e fas porque é aplicable aos traballos posteriores. Pese a todo, cos anos aprendes a desconectar e tentas que cada horario cumpra a súa función. Que nos guste o noso traballo é o óptimo, pero temos que saber desconectar del para botalo de menos e volver a collelo con máis ganas.

O deseño do skyline de Carballo figura entre moitas das súas coñecidas creacións

No teu traballo resúltache imprescindible…. E no teu día a día?

Un Pilot negro e papel para os bosquexos, un teléfono móbil e, por descontado, un ordenador para preparar os deseños. No meu día a día, para comezar preciso un café só largo.

Recomendarías este modelo de espazo de traballo compartido? Por que razóns?

Por suposto! Destacaría o entorno de oficina que axuda a centrarse no traballo, o contacto social, a interacción con outros profesionais e as oportunidades que xorden a nivel profesional grazas ao contacto con outros coworkers.

Que che gusta facer no teu tempo de ocio? Algunha recomendación? Peli, libro, música, deportes…

Gústame ver series, desconectar tomando un café no centro do pobo, pasear polo bosque do Anllóns ou visitar algunha praia da contorna.

Máis que recomendar, vou dar a coñecer os meus gustos, por se alguén quixera tomar nota deles. Non son un gran cinéfilo, pero hai unha película de cine clásico que me gusta salientar: Os 400 Golpes (Les 400 Coups), de François Truffaut.

Un dos libros aos que volvo sempre é Diseñador/Ciudadano, de Milton Glaser.

Unha canción: Snuff, de Slipknot.

En canto ao deporte, gústame calquera que teña que ver co medio acuático pero hai un que destaca sobre todos os demais e ao que dediquei gran parte da miña vida persoal e profesional: o salvamento deportivo.

E, por último, cal é o teu recuncho favorito? Ese lugar onde sempre recargas a batería

Non é un espazo ao que acuda habitualmente pero si é ese lugar no cal, as veces que estiven, fun quen de desconectar completamente e do que sempre volto coas pilas cargadas. Falo dos Canóns do Sil, concretamente na zona de Amandi. É un luxo poder valorar a súa inmensidade.

Se queres compartir algo máis con nós……adiante! Non te cortes!

Coido que xa falei abondo, se cadra de máis, hahaha. De engadir algo, só podería falar positivamente do espazo Carballo Coworking e do beneficioso e positivo que foi tomar a decisión de comezar a miña etapa profesional como autónomo nun espazo destas características. Animo a tod@s os que estean valorando esta opción, a intentalo. Non vos ides arrepentir!