“O coworking é unha ventá aberta a novos proxectos e novos contactos”

A FONDO CON…Martín Graziano

Creativo, ocorrente, innovador e profesional independente cunha longa traxectoria ás súas costas como deseñador gráfico e director de arte. Así é Martín Graziano, un arxentino afincado en Carballo desde hai anos, apaixonado da familia e o deporte e gran defensor dos novos espazos de traballo colaborativo como o noso coworking, ao que pertence desde os seus inicios. Queres saber máis sobre el? Pois non perdas detalle da entrevista que lle fixemos para a nosa web.

Fálanos de ti…..A que te dedicas?

Son deseñador gráfico e director de arte. Ofrezo servizos integrais de deseño gráfico, tanto a particulares como a empresas. O rol de director de arte desempéñoo máis en estudios ou axencias máis grandes coordinando grupos de traballo.

Cal é o proxecto no que andas a traballar? Como xurdiu a idea?

Agora mesmo estou simultaneamente con varios proxectos: unha plataforma de arte dixital, a comunicación dun documental sobre os grupos aborixes Wichi e as redes sociais dunha empresa de billeteiras de papel en Bélxica, entre outros.

Por que te animaches a solicitar praza no noso coworking?

Porque é un espazo que me serve para compartir o tempo de traballo con outras persoas e non estar só na miña casa. É unha ventá aberta a novos proxectos e novos contactos.

Que é o que máis che gusta do teu traballo?

A parte de Branding, crear novas marcas. A imaxe das marcas gústame moito.

E do Carballo Coworking? Que che aporta?

Hoxe en día, no contexto da pandemia, sácolle pouco rendemento pero aproveito a tranquilidade e a excelente luz do lugar para traballar fóra da casa.

Es dos que viven para traballar ou traballas para vivir?

A idea é traballar para vivir e desfrutar…sempre que se poida, claro.

No teu traballo resúltache imprescindible…. E no teu día a día?

No traballo, nada nin ninguén é imprescindible. E no día a día, a miña filla, que reclama todo o tempo a miña atención como pai.

Recomendarías este modelo de espazo de traballo compartido? Por que?

Si, por suposto. Por ser un espazo para compartir con outras persoas, para crear novos contactos e porque, para os freelancers é unha oportunidade única para saír da casa.

Que che gusta facer no teu tempo de ocio? Algunha recomendación? Peli, libro, música, deportes…

Sobre todo gústame o deporte: pádel, fútbol.. e para pouco máis me dá o meu tempo de lecer. Actividade física en xeral e ver algunha que outra serie.

E, por último, cal é o teu recuncho favorito? Ese lugar onde sempre recargas a batería.

Non teño ningún en concreto. Calquera no que poida facer deporte ou pasear coa familia.

Martín Graziano (Bos Aires, 1978). Lugar de residencia: Sofán-Carballo

#Afondocon #MartínGraziano #osnososcoworkers #emprendemento #coworking #novosespazosdetraballo #PEL