«O coworking é un espazo de experimentación con outros emprendedores»

A FONDO CON….PAULA MARTÍNEZ

A protagonista desta semana do noso A Fondo con…é Paula Martínez, Social Media e Community Manager en ArtWorkPost e unha das últimas incorporacións ao noso coworking. Apaixonada da comunicación audiovisual e experta en xornalismo e publicidade dixital, esta emprendedora arxentina, afincada en Carballo, chega disposta a empaparse da sinerxía e os coñecementos doutros profesionais, aos que tamén aportará a súa experiencia como asesora e consultora para ensinarlles a utilizar as redes sociais de maneira profesional grazas ao Coach Digital Progam, o seu último proxecto xa dispoñible na renovada web www.artworkpost.com.

Fálanos de ti….A que te dedicas?

Son Paula Martínez e traballo como xestor de comunidades virtuais e adestrador de perfís dixitais. A miña experiencia e traxectoria profesional está vinculada a grandes proxectos editoriais de prensa escrita e outros medios audiovisuais, impulsando o medio escrito cara a transformación dixital.

En el 2016 fun nai e, a partir de aí, decidín impulsar un novo proxecto como Social Media. Son unha apaixonada da comunicación e os medios. Gústame aportar valor á marca, produto ou servizo, e atopar as fortalezas visuais e comunicativas axudando a conectar coa audiencia e maximizando os resultados. 

Cal é o proxecto no que andas a traballar? Como xurdiu a idea?

A miña primeira proposta de proxecto é Ático Azul Social Media e dentro dela ARTWORKPOST, que é o servizo que ofrezo como xestor de comunidades virtuais, máis coñecido como Community Manager. Pero a iniciativa empresarial que me trouxo ata aquí está máis enfocada á formación, como asesor ou consultor para axudar a profesionais, empresas e/ou emprendedores a utilizar as redes sociais de maneira profesional, para concienciar sobre a importancia de saber xestionar unha comunicación adecuada e a súa audiencia. Este novo proxecto chámase Coach Digital Program, e consiste nun primeiro programa de adestramento dixital.

Por que te animaches a solicitar praza no noso coworking?

Para o meu primeiro proxecto (Ático Azul Social Media), realicei un programa de formación a través do coworking da Escola de Organización Industrial, no que aprendín o complexo que é realizar un plan de negocio, financiación e viabilidade, entre outras fases súper importantes, para lanzar un proxecto de negocio. Ata ese momento, non tiña nin idea do necesario que é isto e que te acompañen en todo este traxecto de emprender. Cando souben que estaba en marcha o Carballo Coworking, e que podería dispoñer dun espazo de traballo común e compartir experiencias, non o dubidei.

Que é o que máis che gusta do teu traballo?

Son unha apaixonada da comunicación audiovisual, a miña experiencia nos medios de comunicación levoume a especializarme en xornalismo e publicidade dixital e todo o relacionado coas estratexias de comunicación para conseguir “enganchar” á audiencia ata lograr convertela en comunidade ou clientela fiel.

Gústame transmitir os meus coñecementos e axudar así a que outras persoas descubran a importancia das ferramentas dixitais e como usalas estratexicamente para posicionar a súa marca, xerar comunidade, dar a coñecer os seus servizos e o seu proxecto ás persoas adecuadas…En definitiva, chegar á súa audiencia.

E do Carballo Coworking? Que che aporta?

Hai pouco tempo que me incorporei. Creo que o meu proxecto, que aínda está en fase de incubación, é dos últimos en sumarse ao coworking. Principalmente, apórtame un espazo de experimentación in situ con emprendedores que están empezando o seu negocio ou proxecto, cos que podo establecer sinerxías e intercambiar coñecementos para axudarlles a entender o ecosistema dixital, e como este lles pode axudar a alcanzar os seus obxectivos para que o seu proxecto saia adiante.

Es das que viven para traballar ou traballas para vivir?

Teño unha nena de 4 anos, pero resúltame inevitable que me guste o que fago e implícome no proxecto ata o punto de que moitas veces preocúpome máis eu dos resultados que o propio encargado do proxecto. Non me dou por vencida.

No teu traballo resúltache imprescindible…. E no teu día a día?

Resúltame imprescindible estar ao día coas redes sociais. E no día a día…a miña filla, o seu sorriso pola mañá. É o sol que me ilumina para empezar o día.

Recomendarías este modelo de espazo de traballo compartido? Por que?

Por suposto. Para compartir. Para aprender. Para experimentar.

Que che gusta facer no teu tempo de ocio? Algunha recomendación? Peli, libro, música, deportes…

No tempo de lecer dedícome a pasear, andar en bici, ir ao parque coa miña filla. Pero como aquí tamén chove moito, outras das miñas afeccións son ver películas e ler revistas. Para os días de choiva, manta e té, recoméndovos  “Ha nacido una estrella”; relacionada coas redes sociais “El dilema de las redes” (The Social Dilemma); e para emprendedores “Steve Jobs”.

En canto a magazines, encántame ler ICON, Rolling Stone, a sección de notas de autor do PAIS El Semanal e sigo moitos blogs, sobre todo, relacionados con xornalismo e márketing como o de Almudena Eriza,  que agora ten unha canle podcast chamada “Plano Corto”. O huffpost de noticias e tendencias de Borja Girón, consultor SEO e Marketing.

E, por último, cal é o teu recuncho favorito? Ese lugar onde sempre recargas a batería.

Sen dúbida, o mar…

Se queres compartir algo máis con nós……adiante! Non te cortes!

Pois como estou en pleno lanzamento da miña nova páxina web, quero convidarvos a coñecela e visitala a partir do vindeiro martes 9, entrando en www.artworkpost.com. Ademais, ese mesmo día, ás 18.00 horas, faremos un directo en Instagram (vía IGTV) desde o Carballo Coworking, a través dos canais de @annarochadiseño y @artworkpost_azul, para falar sobre estratexias de márketing dixital e retargeting.

Por outra banda, todas as persoas que estean emprendendo ou pensando en dixitalizar unha parte do seu negocio, convídoas a participar no meu proxecto de Coach Digital Progam e realizar unha marsterclass de márketing dixital completamente de balde. Tan só é necesario inscribirse en www.artworkpost.com/primer-programa-de-entrenamiento-digital-para-profesionales… Animádevos!

Paula Martínez Atance (Bos Aires, 1979). Lugar de residencia: Carballo

No seguinte enlace, deixámosvos un audio coa entrevista íntegra de Paula Martínez, xentileza da nosa coworker para facilitar a accesibilidade das persoas con discapacidade visual e, sen dúbida, unha mostra de que ademais dunha gran emprendedora é unha muller solidaria e comprometida.  

Un comentario sobre “«O coworking é un espazo de experimentación con outros emprendedores»

  1. Pingback: a.fondo.con.paula.martinez – Artworkpost

Los comentarios están cerrados.