O CARBALLO COWORKING VISITA O IES PARGA PONDAL PARA FALAR CO ALUMNADO SOBRE OS ESPAZOS DE TRABALLO COLABORATIVO

No encontro participaron o concelleiro Xosé Regueira, persoal do Coworking e dúas das empresas usuarias 

Nestes momentos están dispoñibles 5 prazas para os/as emprendedores/as que queiran desenvolver o seu proxecto 

O Espazo de Traballo Colaborativo Carballo Coworking chegou ás aulas do IES Isidro Parga Pondal para dar a coñecer ao alumnado de 4º da ESO o seu funcionamento e amosar os beneficios e vantaxes que ofrece aos usuarios/as que optan por este modelo para poñer en marcha os seus proxectos empresariais.  

O evento, organizado polo centro educativo e enmarcado nun ciclo de conferencias sobre iniciativa empresarial e emprendemento, contou coa participación do concelleiro de Promoción Económica do Concello de Carballo e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, que animou aos estudantes a perseguir os seus soños e contemplar o autoemprego e o emprendemento como unha opción para desenvolver os seus propios proxectos, aproveitando os novos recursos tecnolóxicos e todos os beneficios dun espazo como o coworking.  

Tras ofrecer aos alumnos/as detallada información sobre o funcionamento e finalidade dun espazo de traballo compartido así como do perfil de usuarios/as que están a traballar no centro carballés, persoal técnico do Carballo Coworking deu paso aos verdadeiros protagonistas do encontro: os coworkers. Nesta ocasión, Fran Pais Fondo e David Moa foron os encargados de narrar en primeira persoa a súa, espertando o interese dos alumnos/as, que non dubidaron en preguntar polas claves do seu éxito.  

Fran Pais, co-fundador de BreikoBreiko (unha app para móbiles dirixida aos profesionais do transporte por estrada), destacou a importancia de dispoñer deste tipo de espazos “para abaratar costes pero tamén para compartir coñecementos e intercambiar opinións con outros profesionais para mellorar o teu proxecto”.

Pola súa banda, David Moa, deseñador web e creador de agarimo.online,  asegurou que o coworking é “ como un compañeiro de viaxe no que atopas compañía, apoio e asesoramento no difícil momento de emprender”.     

Un espazo para compartir 

Impulsado pola Concellaría de Promoción Económica do Concello de Carballo e incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación Provincial da Coruña, o Carballo Coworking é o primeiro espazo de traballo colaborativo da Costa da Morte, público e de balde, para profesionais independentes, autónomos, emprendedores e/ou microempresas que queiran compartir un mesmo espazo de traballo, tanto físico como virtual, para desenvolver os seus proxectos individuais e, ao mesmo tempo, promover outros en conxunto coa finalidade de descubrir novas oportunidades de negocio, crear sinerxías e fomentar o espírito de comunidade. 

Dos 18 postos existentes, agora mesmo hai 5 prazas dispoñibles. As persoas interesadas en formar parte do Carballo Coworking poden solicitar máis información achegándose de luns e venres, de 09.00 a 19.00 horas, á sede do coworking, situada no 2º andar da nave 1 do Fórum Carballo; a través da páxina web www.coworkingcarballo.gal ou nos teléfonos 881 983 520 e 661 064 895.