Persoal técnico do coworking acudiu acompañado de varios usuarios que detallaron as vantaxes de formar parte deste espazo de traballo compartido
O Carballo Coworking chegou esta mañá ao IES Isidro Parga Pondal para dar a coñecer ao alumnado de 4º da ESO o seu funcionamento e amosar os beneficios e vantaxes que ofrece ás persoas que optan por este modelo de traballo para poñer en marcha as súas iniciativas empresariais.
A charla, enmarcada no ciclo de conferencias que está a levar a cabo o espazo carballés en diferentes centros de secundaria e obradoiros de emprego da Costa da Morte contou coa participación de persoal técnico e usuarios do coworking. Tras explicar aos alumnos/as a finalidade dun espazo de traballo compartido e o perfil de usuarios/as que traballan no centro carballés, chegou a quenda dos coworkers. Desta volta, David Moa (responsable de agarimo.online) e Óscar Vázquez Abelenda (creador de Ouvea Creatividade Gráfica) foron os encargados de narrar en primeira persoa a súa experiencia como usuarios do coworking. Ademais, animaron ao alumnado a apostar por este tipo de espazos para desenvolver os seus proxectos ou ideas enumerándolles, entre outras vantaxes, o aforro económico, o ambiente profesional e a interación social, fundamental para evitar a soidade do emprendedor/a.
Desde o coworking queremos agradecer a boa acollida desta iniciativa entre o alumnado, así como o fermoso obsequio que nos levamos como recordo do noso paso polo centro, e que xa loce nun lugar ben destacado do noso espazo.
Neste mes, o Carballo Coworking tamén ofreceu outras charlas informativas ao alumnado do obradoiro dual de emprego “Camiño do Solpor IV” e de “Carballo Coida”, así como aos alumnos/as de formación profesional e 4º da ESO dos centros de secundaria de Vimianzo e Ponteceso.
Actualmente, o Carballo Coworking atópase en pleno proceso de recepción de solicitudes. Se estás interesado/a en formar parte deste espazo de traballo colaborativo, achégate ao Fórum carballo (nave 1, andar 2) de luns e venres, de 09.00 a 15.00 horas e infórmate. Máis información en www.coworkingcarballo.gal ou chamando ao 881 983 520.