O Carballo Coworking chega ás aulas cun ciclo de charlas informativas

O alumnado-traballador do obradoiro dual de Emprego “Camiño do solpor IV” e os estudantes de 4º da ESO e Formación Profesional do IES Terra de Soneira de Vimianzo e Eduardo Pondal de Ponteceso foron os primeiros en acoller as xornadas formativas

Ademais do persoal técnico do espazo carballés, no encontro participaron persoas usuarias das dúas edicións

Dentro da campaña de promoción e difusión que está levando a cabo o Carballo Coworking pola Costa da Morte, esta semana arrincaron as primeiras charlas informativas do mes de maio nos obradoiros de emprego e nos centros de educación secundaria e formación profesional.

Alumnado-traballador do obradoiro de emprego

A primeira parada do coworking carballés tivo lugar este martes 10, ás 10.15 horas,  na Casa da Cultura de Cee, onde persoal técnico do espazo reuniuse co alumnado-traballador do obradoiro dual de emprego “Camiño do solpor IV” para dar a coñecer o seu funcionamento e amosar os beneficios e prestacións que ofrece aos usuarios/as que optan por este modelo para poñer en marcha os seus proxectos empresariais. A última hora da mañá, foi a quenda estudantes de Economía de 4º da ESO e dos ciclos de formación profesional do IES Terra de Soneira de Vimianzo, que aproveitaron a ocasión para despexar algunhas dúbidas sobre o sistema de traballo colaborativo.

Charla no IES Terra de Soneira (Vimianzo)

Ademais de información sobre o coworking carballés, os/as participantes tiveron a oportunidade de escoitar aos verdadeiros protagonistas deste espazo: os coworkers.   Óscar Vázquez Abelenda, deseñador gráfico carballés e responsable de Ouvea Creatividade Gráfica, narrou a súa experiencia como usuario desta 2ª edición ao tempo que puxo en valor a existencia destes espazos “que permiten reducir ao mínimo os custes e relacionarte con outras persoas que están pasando polo mesmo ca ti”, subliñou.

Alumnado do IES Eduardo Pondal de Ponteceso

As charlas continuaron este mércores 11 no IES Eduardo Pondal de Ponteceso coa participación, ademais, doutro usuario da 1ª edición. David Moa, deseñador web e creador de agarimo.online, sumouse ao encontro co alumnado de Economía, Iniciación á actividade emprendedora e empresarial e ciclos formativos para explicar o seu paso polo coworking e animar á mocidade a facer uso destes recursos “totalmente gratuítos e moi valiosos á hora de emprender”. As sesións informativas retomarase o vindeiro día 23, de 13 a 14 horas,  no IES Isidro Parga Pondal de Carballo.

 

As persoas interesadas en formar parte do Carballo Coworking poden solicitar máis información achegándose de luns e venres, de 09.30 a 15.00 horas, á sede do coworking (2º andar da nave 1 do Fórum Carballo); a través da páxina web www.coworkingcarballo.gal ou chamando ao 881 983 520.