“No coworking síntome acompañada para afrontar esta gran montaña rusa que é emprender”

A FONDO CON………DOLORES NIETO

A protagonista desta semana do noso «A fondo con…» é licenciada en Economía e Empresariais e, logo dunha dilatada traxectoria profesional na administración de grandes empresas de obra civil, decidiu dar o salto como emprendedora e apostar polo seu propio proxecto: Adarra-d gestión, unha asesoría empresarial para Pemes e autónomos que botou a andar no noso coworking.

Fálanos de ti…..A que te dedicas?

Dirixía o departamento de Administración de Obra dunha gran empresa dedicada á obra civil en España e Colombia.

Cal é o proxecto no que andas a traballar? Como xurdiu a idea?

Na actualidade, estou volcada ao 100% en Adarra-d gestión, o meu novo proxecto empresarial que consiste, basicamente, en levar os coñecementos adquiridos na gran empresa a pequenos e medianos empresarios e autónomos, adaptándoos a eles e facendo unha análise do seus custos co fin de optimizar beneficios, ademais doutras tarefas administrativas.

A idea xúrdeme falando con coñecidos que teñen negocios e conversando dáste conta que non coñecen ao detalle os seus custos porque tamén son a man de obra da súa propia empresa e non teñen tempo. E a min gústame a análise e, por que non facelo eu por eles? Se mo permiten! Gústame poder dar solucións e axudar, crear unha relación de confianza cos futuros clientes, ir da man nas súas empresas.

Por que te animaches a solicitar praza no noso coworking?

Porque tes á túa disposición un lugar de traballo onde coñeces xente que che pode axudar, ou ti a eles. Máis experiencias a compartir, outros puntos de vista. No coworking síntome acompañada na gran “montaña rusa” que é o emprendemento. Hai máis xente na túa mesma situación que comprende moi ben o que che sucede e, se xa pasaches esa fase, axúdanche no que faga falta.

Que é o que máis che gusta do teu traballo?

A análise, todo o proceso, desde contabilizar a realizar os informes e debater solucións, si é o caso. Ata me gusta confeccionar os impostos! (hahaha)

E do Carballo Coworking? Que che aporta?

Pois o antes comentado, coñeces outras experiencias que che poden axudar, os seminarios que se fan están moi ben e resultan moi produtivos.

Es das que viven para traballar ou traballas para vivir?

Era das que vivían para traballar, porque me gustaba moito o meu traballo, pero despois de estar moitos anos dun lado para outro, todo cansa. Hai que optimizar o tempo, e delimitar horarios para non caer nas vellas costumes.

No teu traballo, resúltache imprescindible…. E no teu día a día?

A organización, telo todo controlado, todo planeado. No meu día a día tamén era así pero vouno cambiando porque cun neno pequeno o “planning” desaparece.

Recomendarías este modelo de espazo de traballo compartido? Por que?

Pois si. Porque coñeces outra xente na túa mesma situación coa que podes interactuar e crear sinerxías, porque nos seminarios poden orientarte e porque tes un lugar de traballo con internet para poder ir empezando, que sempre é unha moi boa axuda.

Que che gusta facer no teu tempo de ocio? Algunha recomendación? Peli, libro, música, deportes…

Gústame moito saír coa cadela toda a mañá ós montes ou á praia, andar ó aire libre, pero isto está aparcado de momento. Agora o que máis me gusta e pasar tempo co meu pequeniño, xogar con el. Tamén me gusta moito a lectura. Agora estou lendo“La Reina Roja”, de Juan Gómez-Jurado. Moi recomendable! E, como non, encántanme as series. Estou acabando de ver “The Crown”.

E, por último, cal é o teu recuncho favorito? Ese lugar onde sempre recargas a batería.

A montaña ou a praia, indistintamente.

Dolores Nieto (Razo, 1977)

Lugar de residencia: Carballo

#Afondocon #DoloresNieto #osnososcoworkers #emprendemento #coworking #novosespazosdetraballo #PEL