“Gústame traballar en proxectos que axuden a mellorar a vida das persoas”

A FONDO CON…..NIGEL JOHN CLARKE

Hai un ano que Nigel J. Clarke decidiu cambiar Londres por Baldaio (Noicela-Carballo) e iniciar un novo reto profesional, que está a desenvolver como emprendedor desde o noso coworking, un espazo de traballo compartido que lle permite poñer en marcha unha iniciativa empresarial vinculada á xestión de proxectos dixitais e márketing, ademais de aprender galego, máis lentamente do esperado debido á difícil situación provocada pola pandemia. Queres coñecelo máis a fondo?

Fálanos de ti…..A que te dedicas?

Traballo no mundo da tecnoloxía e o software, son Product Manager/Owner. Iso significa que me encargo da xestión de proxectos dixitais, tecnolóxicos e de márketing, analizo as necesidades e requisitos dos usuarios/as e intento mellorar e lanzar novas aplicacións para móbiles e sitios web. Traballo como autónomo e estou dispoñible para clientes en Galicia, España e toda Europa. 

Cal é o proxecto no que andas a traballar? Como xurdiu a idea?

Actualmente, estou a traballar para un cliente do Reino Unido que ofrece formación e apoio a persoas que precisan un traballo ou que queren cambiar de carreira. Algunhas traballaban na hostalería ata a COVID e agora realizan  outros traballos como coidador ou tecnoloxía. Agora mesmo, o proxecto estase desenvolvendo no Reino Unido pero podería facilitarlle a vida tamén a outras persoas, incluíndo Galicia e, por suposto, Carballo.Tamén teño tres ideas para proxectos propios que espero avanzar este ano.

Por que te animaches a solicitar praza no noso coworking?

Decidín solicitar praza porque me parece un proxecto moi interesante e beneficioso para min.

Que é o que máis che gusta do teu traballo?

Gústame traballar en proxectos que axuden a mellorar a vida das persoas. Se desenvolver novas aplicacións ou sitios web dixitais poden contribuír a que a súa vida sexa máis doada e agradable, o meu traballo xa é gratificante.

E do Carballo Coworking? Que che aporta?

Principalmente, a vantaxe que supón coñecer e interactuar con outros profesionais porque o traballo en equipo sempre é necesario. A formación e o asesoramento que se presta tamén é benvido porque resulta moi útil, especialmente para min que aínda teño que familiarizarme co réxime de autónomos deste país. Mellorar o meu español e tamén o galego é outra das aportacións que agardo deste coworking (hahaha).

Es dos que viven para traballar ou traballas para vivir?

Estou moi agradecido de atopar o meu camiño cara unha carreira profesional que me satisfai pero intento equilibrar a balanza cunha vida dedicada tamén á familia, con actividades ao aire libre para desfrutar da natureza (mar e montaña), dos animais e das miñas mascotas.

No teu traballo resúltache imprescindible…. E no teu día a día?

No meu traballo, e para organizar tamén a miña vida na casa, uso moitas das novas ferramentas dixitais destinadas á organización de tarefas e proxectos que podes atopar en www.trello.com , www.miro.com ou Jira versións modernas dos antigos post- it. Moitos deles teñen servizos gratuítos e resultan moi útiles e eficaces para o día a día.

Recomendarías este modelo de espazo de traballo compartido? Por que?

Si, por suposto. Con respecto ao traballo na casa (e tamén nunha oficina) todo son vantaxes: non hai distraccións, nin ruídos e se o precisas podes reunirte e conversar ou promover sinerxías con outras persoas de diferentes empresas e sectores (Carballo, especificamente). E todo nun marco privilexiado, a carón do río Anllóns, para dar agradables paseos cando precisas descansar e desconectar do traballo.

Que che gusta facer no teu tempo de ocio? Algunha recomendación? Peli, libro, música, deportes…

Montañas, mar e música. Tamén películas e programas/series («Santa Clarita Diet» e «Cobra Kai»), grupo musical «undercover hippy» e xogos de mesa  como “Imhotep” e “Sushi Go” son as miñas preferencias para o tempo libre.

E, por último, cal é o teu recuncho favorito? Ese lugar onde sempre recargas a batería.

Un dos meus lugares preferidos da Costa da Morte é o Refuxio Verdes e cando viaxo por España, encántame perderme polos Picos de Europa.

Nigel John Clarke (Londres, 1979)

Lugar de residencia: Baldaio (Noicela-Carballo)

Un comentario sobre ““Gústame traballar en proxectos que axuden a mellorar a vida das persoas”

  1. Pingback: keto diet?trackid=sp-006

Los comentarios están cerrados.