En marcha a 2ª edición do Carballo Coworking

18 persoas emprendedoras ou empresas de nova creación da Costa da Morte poderán beneficiarse de balde deste espazo colaborativo, promovido pola Concellería de Promoción Económica e  incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña

Xa está en marcha unha nova edición do Carballo Coworking para ofrecer ás persoasemprendedoras e empresas de nova creación da Costa da Morte un espazo de traballo colaborativo, destinado a impulsar a creación, posta en marcha e consolidación de iniciativas empresariais vinculadas, preferentemente, ao ámbito da cultura, as novas tecnoloxías, a rexeneración urbana, o benestar e os servizos ás persoas, o sector audiovisual, o turismo ou a investigación e a economía social.

Todas as persoas cunha idea de negocio e/ou empresas de menos de dous anos de antigüidade que estean interesadas en acceder a un dos 18 postos de traballo habilitados neste espazo, situado no 2º andar da nave 1 do Fórum Carballo, poderán presentar a súa solicitude a través da sede electrónica do Concello de Carballo seguindo os requisitos establecidos no regulamento de funcionamento que figura máis abaixo. No primeiro caso, o prazo máximo de permanencia no espazo será de 12 meses, mentres que no segundo poderá prolongarse ata os 3 anos. 

Ademais de dispoñer dun local totalmente de balde para traballar, as persoas usuarias deste coworking, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña desde o pasado 1 de marzo de 2020, poderán beneficiarse dunha serie de servizos e infraestruturas que contribuirán a mellorar as súas posibilidades de éxito. Así, aos 156 metros cadrados habilitados para os postos de traballo, haberá que sumarlle un auditorio con capacidade para 100 persoas; unha aula de formación, tamén destinada a sala de xuntanzas e de intercambio de experiencias e ideas; zonas comúns (vestíbulo de acceso, recepción-administración e área de descanso); acceso a medios audiovisuais e conexión a internet de alta velocidade por cable e wifi. Pero a  lista de vantaxes vai más alá do uso das instalacións, ofrecendo outros valores engadidos como a capacidade de descubrir novas oportunidades de negocio, promover sinerxías, crear espírito de comunidade, sesións de networking, accións formativas, etc.

1ª etapa

Pese aos paróns provocados pola pandemia, a primeira edición do Carballo Coworking resultou un éxito de participación con 13 iniciativas empresariais en marcha e 17 usuarios/as en activo,procedentes de municipios como Camariñas, Muxía, Zas, Ponteceso  e, na súa maior parte, Carballo, desenvolvendo as súas ideas e/ou proxectos sobre economía social, artesanía ou téxtil xunto a empresas de nova creación nas que traballaban autónomos e profesionais independentes do ámbito cultural, a fotografía ou o deseño. A pesar dos momentos difíciles e de gran incerteza, moitas das iniciativas aloxadas no coworking carballés lograron triunfar acadando grandes éxitos como Breiko Breiko, unha app para transportistas, deseñada por tres usuarios da nosa comunidade para mellorar a mobilidade por estrada, que logrou ser número 1 de popularidade en Google Play en tan só un mes, e na actualidade xa conta con máis de 15.000 descargas.

Se ti tamén tes unha idea de negocio ou unha empresa de nova creación e precisas apoio e un lugar onde desenvolvela, aquí hai moito para ti! Infórmate chamando ao 881 983 520 ou envía un mail a coordinación@coworkingcarballo.gal. Máis información en www.coworkingcarballo.gal.

DESCARGAS

Instrucións de funcionamento

Anexo I. Solicitude

Anexo II. Memoria Técnica