«Compartir frustracións e éxitos é sempre unha experiencia enriquecedora»

A FONDO CON…..DAVID MOA

Tras dez anos como analista de negocio, viaxando por diferentes países e traballando para grandes multinacionais, decidiu que xa era hora de poñer os pés na súa terra e os seus coñecementos ao servizo das medianas e pequenas empresas. Así xurdiu agarimo.online, unha aposta pola estratexia de márketing dixital e deseño web profesional «á galega» e con altas doses de agarimo.

Fálanos de ti…..A que te dedicas?

Son analista de negocio (especialista na optimización e xestión de procesos) e aplico ese coñecemento como desarrollador web na miña empresa.

Cal é o proxecto no que andas a traballar? Como xurdiu a idea?

Agarimo Estudio é unha empresa especializada na dixitalización e márketing de autónomos e PEMEs. A idea xurdiu cando me din conta de que me estaba frustrando traballando para grandes empresas cando podía levar ese coñecemento ás pequenas nun trato máis próximo e eficaz.

Por que te animaches a solicitar praza no noso coworking?

Levo moitos anos teletraballando, para min é o normal. Pero tamén son consciente de que enratoarse na casa non é o mellor para a saúde mental. Compartir espazo de traballo con outra xente, que enriba enfróntase os mesmos desafíos ca ti para sacar a flote unha idea, poder compartir frustracións e éxitos é sempre unha experiencia enriquecedora e animeime a solicitar a praza. O proceso foi moi doado e recibín moito apoio da xente do coworking, da que non podo máis que aproveitar e agradecer o bo trato.

Que é o que máis che gusta do teu traballo?

O feito de poder resolver de forma sinxela os problemas aos que se enfrontan outras empresas. As ferramentas tecnolóxicas aportan eficacia e por riba reducen custos, pero non están á orde do día para todo o mundo. É unha verdadeira satisfacción cando lle dis a un cliente: “isto que antes che comía dous días de traballo agora faise solo”.

E do Carballo Coworking? Que che aporta?

Sobre todo, contacto humano e compartir experiencias e inquietudes. Ademais, os espazos dispoñibles e o servicio de orientación non teñen prezo!

Es dos que viven para traballar ou traballas para vivir?

Fun dos de traballar 14 horas ó día. Chegou un punto que nin o corpo nin a mente aguantan iso. Co tempo aprendín a optimizar o meu propio tempo. Non me importa ter que traballar un domingo porque hai un lanzamento especial pero do mesmo xeito se un luns non teño moita carga xa son capaz de descansalo sen angustiarme. É cuestión de organizarse, simplemente.

No teu traballo resúltache imprescindible…. E no teu día a día?

Organización sobre todo. Son moitos clientes e distintas necesidades. Se queres atendelos a todos e facelo ben, tes que priorizar o teu traballo e ser organizado. As aplicacións de xestións de tarefas e procesos axúdanme a que non se me pase nada e a poder acometer as distintas tarefas en orde e con sentidiño. No día a día…o mesmo! Uso as mesmas apps para a miña vida persoal: dende a visita ó veterinario ata comprar empanada para o domingo, todo vai á lista de tarefas. Teño a memoria “externalizada” porque a cabeza non dá para todo.

Recomendarías este modelo de espazo de traballo compartido? Por que?

Si, por suposto, e por varias razóns: o primeiro porque emprender é unha tarefa complicada e estresante, e a relación con compañeiros na mesma situación é moi enriquecedora. O segundo porque a atención e a orientación que prestades resulta moi produtiva e de gran axuda, e o terceiro porque ter un espazo público dispoñible para traballar é unha marabilla, sobre todo nos tempos que corren.

Que che gusta facer no teu tempo de ocio? Algunha recomendación? Peli, libro, música, deportes…

Como non, dedicándome a isto poderiame catalogar como friki. Son moi fan da ciencia ficción en formato novela ou serie. Pero tamén me levan moita idea os temas de autocoñecemento e desenvolvemento persoal. Sempre estou rascando en novas técnicas de meditación ou de técnicas de coñecemento propio. Ao fin e ao cabo, a cabeciña é coma un Windows, tamén necesita mantemento e rascar nos fallos da programación para que todo funcione eficientemente e coa menor dolor posible.

E, por último, cal é o teu recuncho favorito? Ese lugar onde sempre recargas a batería.

Non podo escoller ningún en particular…pola zona son habituais as escapadas -cando se pode- a Razo, a Verdes, a Baldaio…e os paseos diarios coa miña cadeliña ao Bosque. Se hai natureza e tranquilidade, eu recargo sen facer nada. Tamén teño un acuario e unha chea de plantas na casa, e iso tenme entretido e relaxado cando as escapadas non son posibles.

David Moa (Caracas, 1985)

Lugar de residencia: Carballo

#Afondocon #DavidMoa #osnososcoworkers #emprendemento #coworking #novosespazosdetraballo #PEL