Clausurado no Fórum o curso de marketing dixital para emprendedores

Ao acto asistiu o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Formación, Innovación e Emprego, Iván Andrade

O Fórum Carballo acolleu a clausura do curso “Introdución ao marketing dixital para emprendedores”, organizado polo Carballo Coworking e impulsado desde a Oficina de Promoción Económica do Concello de Carballo. Rematada a cuarta e última sesión, celebrouse o acto de entrega de diplomas aos participantes, ao que asistiron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Formación, Innovación e Emprego, Iván Andrade.

Un total de 13 emprendedores/as e autónomos/as participaron na que foi a primeira acción formativa presencial do ano, levada a cabo na aula de informática do Fórum desde o pasado xoves 27 e impartida por Jose Collazo, fundador e director da axencia carballesa de marketing dixital e deseño web A Meiga. Un éxito de inscrición e participación que o concelleiro de Formación atribuíu á “incesante demanda formativa en materia de novas tecnoloxías e dixitalización, incrementada aínda máis tras a pandemia”. Neste sentido, asegurou que “desde o goberno apostamos por unha formación de calidade e adaptada ás novas necesidades para poñer ao alcance dos cidadáns todas as ferramentas necesarias para mellorar as súas posibilidades de éxito e, polo tanto, a empregabilidade”.

Pola súa banda, o Alcalde agradeceu a participación de todos os/as asistentes e lembroulles a importancia dunha formación continuada, especialmente no ámbito das tecnoloxías, co desexo de que “esta formación resulte de utilidade e proveito para desenvolver os proxectos que tedes en marcha e adaptar as vosas empresas aos novos tempos”. 

Ademais de varios usuarios e usuarias do espazo de traballo colaborativo carballés, tamén formaron parte desta formación autónomos/as, emprendedores e mozos/as con ideas de negocio online que están dando os seus primeiros pasos profesionais. Para mellorar as súas oportunidades laborais, ao longo destes catro días tiveron a oportunidade de coñecer polo miúdo as claves para elaborar un bo plan de marketing, os segredos para triunfar nas redes sociais, posicionamento e analítica web e como elaborar as nosas propias creatividades gráficas dixitais.