“Breiko Breiko, do Carballo Coworking a número 1 en Google Play”

A FONDO CON…..MARIO, DAVID E FRAN

En apenas un mes esta App móbil gratuíta, orientada ao profesional do sector do transporte por estrada, converteuse no número 1 de Google Play con miles descargas en todo o país e unha interminable lista de transportistas rexistrados nun dispositivo que vai camiño de consolidarse como referente no sector. E detrás deste ambicioso proxecto están Mario, David e Fran, tres emprendedores da Costa da Morte que forxaron o seu soño aquí, no Carballo Coworking. Apetécevos coñecelos A fondo?   

Faládenos de vós…..A que vos dedicades?

Mario: Dende fai 20 anos traballo nunha empresa de autocares propiedade da miña familia.

Fran: Son enxeñeiro informático (especialidade en enxeñería de software) e, desde hai 5 anos, traballo nas oficinas de Indra na Coruña.

David: Dedícome ao desenvolvemento de produtos e servizos e son formador e titor en márketing.

Cal é o proxecto no que andades a traballar xuntos? Como xurdiu a idea?

Mario/Fran/David: O proxecto que estamos a desenvolver conxuntamente e que nos levou ao Carballo Coworking chámase Breiko Breiko. É unha APP móbil gratuíta orientada ao profesional do sector do transporte por estrada. A finalidade da nosa aplicación é actuar como complemento aos dispositivos GPS convencionais aportando información útil para o día a día de calquera transportista (incidencias na rede viaria en tempo real, prezos de combustibles actualizados, puntos conflitivos en ruta, áreas de descanso, aparcamentos vixiados, restaurantes específicos para transportistas, etc.).

A idea parte de Mario, que como profesional do transporte por estrada era coñecedor das numerosas queixas sobre as indicacións da maioría de GPS, que cada vez se magnifican máis dentro deste sector. Todos vimos que agora, máis ca nunca, era o momento de buscar algún tipo de solución a este problema e lanzámonos a crear esta rede social para os profesionais do transporte coa intención de colaborar e facerlles máis amigable o seu día a día.

Por que vos animastes a solicitar praza no noso coworking?

David: Precisabamos dun espazo común para poder traballar, reunirnos os tres e tratar os temas que xorden, repartir tarefas, etc., e pareceunos unha boa oportunidade.

Fran: E non son para poñer en común os nosos coñecementos e necesidades, senón tamén para intercambiar coñecementos con outra xente, que sempre pode aportar unha visión diferente a túa.

Mario: Ademais, a localización é perfecta para os tres. Carballo é, sen dúbida, un excelente punto de encontro e o centro neurálxico da Costa da Morte, con servizos, tecido empresarial e boas comunicacións. 

Que é o que máis vos gusta do voso traballo?

Fran: Ver como a tecnoloxía pode axudar tanto no día a día de calquera ser humano.

Mario: Eu quédome co feedback positivo da xente e ver que somos unha ferramenta útil.

David: Saber que estamos construíndo algo que a xente valora e que podemos desenvolver un modelo de negocio dixital, onde todos gañamos.

E do Carballo Coworking? Que vos aporta?

David: Iniciativas de apoio para emprender novos proxectos e a posibilidade de establecer vínculos con outras empresas.

Fran: É o espazo que necesitamos para colaborar entre nos e seguir crecendo. Non sempre tes a oportunidade de ter un posto sempre dispoñible con todas as facilidades que iso supón.

Mario: Ademais é un espazo cunhas magníficas instalacións no que se promoven accións formativas moi interesantes.

Sodes dos que vivides para traballar ou traballades para vivir?

Mario: No meu caso, é bastante estacional. Agora mesmo, claramente vivo para traballar pero o obxectivo é traballar para vivir o mellor posible.

David: En realidade traballo todo o día, e todos os días, sobre todo agora coa monotonía de vida que temos, pero como o que fago é case coma un entretemento para min, a miña sensación é que traballo para vivir.

Fran: O traballo sempre é necesario, pero se ademais sabes aproveitalo e enfocalo ben, vas rematar desfrutando e valorándoo cada vez máis. Así que, unha complementa á outra.

No voso traballo resúltavos imprescindible…. E no día a día?

Mario: O móbil, sinceramente. E, no día a día, creo que estar rodeado de xente que “aporta” é fundamental.

Fran: A concentración e a organización. Ademais do meu traballo como enxeñeiro informático e as horas que invisto cada día en Breiko Breiko, tamén estou cursando actualmente un máster a distancia en Big Data. Sen concentración e organización compaxinar estas 3 tarefas cada día sería imposible

David: O ordenador e a tecnoloxía en xeral. Sen ela, non podería render e ser eficiente.

Recomendariades este modelo de espazo de traballo compartido? Por que?

David: Polo entorno de emprendemento que se crea. Sumar mentalidades emprendedoras axuda moito nunha sociedade onde predomina máis o “funcionariado”.

Fran: Eu recoméndoo polas sinerxías que se xeran e o trato persoal con outros coworkers.

Mario: O factor económico tamén é importante, sobre todo para un autónomo e/ou emprendedor. Este espazo permite o desenrolo de moitas actividades sen que teñas que destinar recursos, que na súa suma, poden facer que non sexa viable unha actividade.

Que vos gusta facer no voso tempo de ocio? Algunha recomendación? Peli, libro, música, deportes…

Fran: Deporte. Sempre foi un piar fundamental na miña vida (fútbol sala, balonmán, bádminton, triatlón). Agora, dedícolle pouco tempo pero axúdame a desconectar e liberar estrés.

David: A min gústame ler libros de márketing, de modelos de negocios ou de emprendedores. Escoito tamén bastantes podcast relacionados con estas cuestións. No caso das pelis xa non, aí o que predominan ultimamente son as infantís porque teño un peque de seis anos.

Mario: Durante anos dediquei ao kickboxing e agora practícoo para “matar o mono”. A música, claramente, rock (Led Zeppelin, Deep Purple, Lenny Kravitz, etc…) Encántanme as pelis psicolóxicas (Memento, Interestelar e Origen) e deixo para o final o libro, para facerlle un pouco de publicidade ao noso socio David Fernández Veloso, autor de “Contra las grandes empresas, Gamification” , un e-Book que podedes atopar en Amazon e que  recomendo a todo o mundo.

E, por último, cales son os vosos recunchos favoritos? Ese lugar onde sempre recargades a batería.

Mario: A praia de Traba, en Laxe. É espectacular! E a casa de miña avoa, onde me recargo física e mentalmente.

David: Calquera sitio no que poida romper coa monotonía váleme para refrescar a cabeza e recuperar folgos.

Fran: Desde hai un ano estou vivindo en Baldaio e sempre que teño un momento libre aproveito e vou camiñar co can pola praia. É un lugar incrible e que lle recomendo a calquera! Ah!, gustaríame aproveitar esta oportunidade para convidar a todo o mundo a que se descarguen Breiko Breiko no móbil e nos transmitan as súas impresións. Está dispoñible tanto en Google Play para Android coma en App Store para iOS.

+ info en www.breikobreiko.com

Mario Pais Fondo (Ponte do Porto-Camariñas, 1980). Lugar de residencia: Oleiros

Fran Pais Fondo (Ponte do Porto-Camariñas,1994 ). Lugar de residencia: Baldaio-Noicela Carballo

David Fernández Veloso (Fene, 1974). Lugar de residencia: Fene

#Afondocon #MarioPais #FranPais #DavidFernández #osnososcoworkers #emprendemento #coworking #novosespazosdetraballo #PEL

Un comentario sobre ““Breiko Breiko, do Carballo Coworking a número 1 en Google Play”

  1. Pingback: keto cookie dough

Los comentarios están cerrados.