«Agardo que o coworking me dea o pulo empresarial que preciso»

A FONDO CON….RAÚL MARÍN PAZÓ

O protagonista desta semana do noso A Fondo con…é Raúl Marín Pazó, deseñador de comunicación visual, márketing e publicidade á fronte de Artworkatwork! Studio e unha das últimas incorporacións á segunda edición do Carballo Coworking. Este experto en deseño corporativo e empresarial e xestor cultural afincado en Carballo é ademais un autor polifacético en constante movemento e con múltples inquietudes, que aproveita o seu tempo libre para para pintar, escribir, fotografar, facer música (NaN)…. en definitiva, para crear. 

Fálanos de ti…..A que te dedicas?

Ben, pois aínda que son moito máis partidario de que o meu traballo fale por min —algo que pode verse en artworkatwork.pro—, coido que, indo do xeral ao concreto, debería dicir que me dedico ao mundo da creatividade pivotando basicamente no eido do deseño de comunicación visual ou gráfico e contando cunha certa especialización no deseño corporativo ou de empresa no seu máis amplo sentido.

Cal é o proxecto no que andas a traballar? Como xurdiu a idea?

O proxecto no que ando a traballar é exactamente, e falo por experiencia, do que non debo falar. Isto é coma os biscoitos, que se lles abres a porta do forno antes de tempo, abátense e logo non valen.

Por que te animaches a solicitar praza no noso coworking?

Principalmente pola necesidade de traballar nun espazo aberto, interactuar con outras persoas usuarias en forma de sinerxías e novos proxectos, evolucionar de maneira lóxica e as instalacións e a infraestrutura que ofrece.

Que é o que máis che gusta do teu traballo?

Que me permite volcar nel toda a miña creatividade e capacidade de traballo. Ademais de que unha das vantaxes ou privilexios do deseño é a posibilidade de aprender algo novo en cada proxecto, e iso é algo que me encanta.

E do Carballo Coworking? Que che aporta?

Agardo que o pulo necesario para que Artworkatwork! Studio adopte o carácter empresarial que precisa.

Es dos que viven para traballar ou traballas para vivir?

Son moi, moi, moi partidario da resposta galega; temos un súper poder e non o sabemos: “depende”. Gústame máis expresalo en termos “Weberianos” —de Weber, Max—: Es dos que prefire ter o estómago cheo ou durmir coa conciencia tranquila?

No teu traballo resúltache imprescindible…. E no teu día a día?

A profesionalidade no seu máis amplo sentido: ganas de facelo sempre mellor, elegancia, cordialidade, educación, respecto, humildade, rigorosidade, diversión, etc. E algo moi, pero que moi, moi importante: ter claro que “Mellor é mellor!”

Recomendarías este modelo de espazo de traballo compartido? (En caso afirmativo, detalla as 3 razóns principais)

Traballar nun espazo aberto, interactuar con outras persoas usuarias e evolucionar, e as instalacións e a infraestrutura que ofrece.

Que che gusta facer no teu tempo de ocio? Algunha recomendación? Peli, libro, música, deportes…

Traballar, hahaha… Non, gústame estar en familia e facer cousas moi sinxelas pero que enchen un mundo o meu/noso mundo. Aínda que si, tamén pinto, fago música baixo o nome de NaN, escribo… sempre estou con algo.

Recomendacións? Non é que sexa eu moi de prescribir nin unha voz autorizada, pero se teño que responder diría que: unha peli: “Coco” de Disney-Pixar; un libro: “Vacío Perfecto” de Stanislaw Lem —cheguei a desenvolver un auto-proxecto sobre el (pódese ver na web)— ou “El Sentido Social del Gusto. Elementos para una sociología de la cultura” de Pierre Bourdieu; música: “I want something just like this” de The Chainsmokers & Coldplay; deportes: a bici, a natación, calquera relacionado co mar (grande) que temos por aquí. O tenis…

E, por último, cal é o teu recuncho favorito? Ese lugar onde sempre recargas a batería.

“Miña casiña, meu lar e contigo nela faise fogar.”

Se queres compartir algo máis con nós……adiante! Non te cortes!

Unha pregunta: Traballamos?