A startup camariñana Breiko Breiko, usuaria do Carballo Coworking, estará presente no Mobile World Congress 2021

Desde a súa creación, hai menos dun ano, esta app para móbiles orientada aos profesionais do transporte por estrada está a bater récords tanto en número de descargas como en expansión empresarial

No Carballo Coworking temos 13 iniciativas empresariais en marcha e 13 motivos polos que sentirnos orgullosos/as. E, estes días, a este sentimento súmase a satisfacción de ver como tres dos nosos usuarios están a acadar novos éxitos co seu proxecto emprendedor. Falamos de Breiko Breiko, unha startup camariñana que desenvolveu unha aplicación móbil para profesionais do transporte por estrada, e que estará presente mañá 30 no 4YFN, dentro do Mobile World Congress 2021, un dos eventos sobre tecnoloxía móbil máis importante do mundo.

A súa participación nesta feira tecnolóxica servirá para establecer contactos con grandes corporacións internacionais e dar a coñecer o seu proxecto a novos inversores coa finalidade de procurar financiamento máis alá das nosas fronteiras. Así mesmo, está previsto que participen en diferentes talleres de innovación xunto a grandes expertos do sector. “Cando comezamos con todo isto, imaxinabamos que en breve estariamos no MWC co noso propio stand, xunto a grandes empresas como Microsoft, Amazon… E o que é a vida…grazas ao convite de Conector, alí estaremos”, comenta entusiasmado Mario Pais, CEO de Breiko Breiko.

O pasado mes de xaneiro bateron todos os récords ao converterse, en apenas un mes, en nº 1 de descargas en Google Play, coincidindo coa gran nevada rexistrada en España. Agora, volven a romper todas as previsións porque en menos de un ano, e cunha versión beta, Breiko Breiko supera xa as 10.000 descargas, espertando así o interese de varias multinacionais especializadas en sistemas de navegación e grandes empresas do sector do transporte e a loxística.

As persoas interesadas en obter máis información sobre Breiko Breiko,  poderán atopala en www.breikobreiko.com , a través das súas redes sociais ou visitando o seu expositor na Mobile World, situado no Hall 2 Stand 2F9. 10B.