13 persoas participan nas xornadas sobre xestión administrativa e financiamento para emprendedores

A primeira sesión celebrouse hoxe 28 e a segunda terá lugar mañá 29, de 10.00 a 12.00 horas, no auditorio do Fórum Carballo

Un total de trece persoas participan desde esta mañá na nova actividade formativa organizada polo Carballo Coworking e impulsada desde a oficina de Promoción Económica do Concello de Carballo. Trátase dunhas xornadas informativas sobre xestión económica e financiamento, dirixidas preferentemente a usuarios e usuarias deste espazo de traballo colaborativo, ás que tamén acoden emprendedores/as e autónomos/as, pemes, startup e persoas cunha idea de negocio.

Ana Belén Muñiz, de Muñiz Vera Xestión

A actividade, que se celebrará hoxe e mañá 29 no auditorio do Fórum Carballo en horario de 10 a 12 horas, consta de dúas sesións teórico prácticas impartidas por Ana Belén Muñiz Vera, xestora administrativa e licenciada en Administración e Dirección de Empresas, con ampla experiencia en asesoramento empresarial, ademais de formadora no coworking do Pazo de Arenaza e no programa da Fundación Equipo Humano “Se buscan héroes”, orientado á mellora da empregabilidade.

A xornada de hoxe xirou arredor da xestión administrativa e a tramitación online. Ademais de abordar cuestións básicas laborais e fiscais relacionadas co emprendemento, a Seguridade Social e a Axencia Tributaria, os/as asistentes tiveron a oportunidade de expoñer dúbidas sobre cuestións do seu día a día como a alta en autónomos, o Imposto de Actividades Económicas, libros de rexistros, declaracións, sede electrónica, xestións telemáticas, etc. Deste xeito, preténdese mesturar as clases teóricas con sesións prácticas e quendas de preguntas coa finalidade de acadar unha maior participación e implicación dos/as participantes.

Mañá 29, está previsto abordar as diferentes liñas de financiamento para proxectos emprendedores e/ou empresas de recente creación, atendendo a unha das principais demandas formativas actuais, ademais de prestar apoio e asesoramento ás persoas que inician unha actividade empresarial. Ao remate, procederase á entrega de diplomas a todos os/as asistentes.